O Teatro Galego de Fins do Século XX e Comezos do XXI
Temas e Autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, Tendencias e Compañías Actuais Máis Relevantes
1. Periodización e Caracterización
As mudanzas sociais, culturais e políticas que teñen lugar a partir de 1978 influíron de xeito decisivo para que se producisen no ámbito teatral (como no resto do sistema literario galego) reorientacións, diversificacións e cambios de todo tipo. Tal vez os elementos de maior calado á hora de explicar esas mudanzas sexan a profesionalización do sector e a súa institucionalización, fenómenos ambos que permiten aos especialistas distinguir catro fases no desenvolvemento do teatro galego actual:
- A formación de compañías profesionais (1978-1983)
- A institucionalización (1984-1991)
- O desenvolvemento (1991-2010)
- A máis actual (2010-actualidade)
Na primeira fase, grupos formados nos tempos ou mesmo nas sucesivas Mostras de Ribadavia (Antroido, Troula, Mari-Gaila…) lánzanse a conseguir vivir do labor teatral, se ben é certo que outros fracasan no mesmo intento. Entre as novas compañías fundadas nesta fase é de salientar a ourensá Sarabela Teatro, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda. En paralelo, algunhas editoras e entidades culturais poñen en marcha publicacións e coleccións de teatro: Don Saturio, Elsinor Teatro, Cadernos da Escola Dramática Galega… Tamén continúan celebrándose mostras teatrais emblemáticas como a de Ribadavia, a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e a Mostra de Teatro de Cee, organizada pola compañía Talía Teatro. No plano estético, as obras de intencionalidade política explícita ou de formato alegórico van deixando paso a novas propostas, máis diversificadas e máis complexas.
Na segunda fase destaca a aparición de novas compañías profesionais como Teatro do Atlántico (1985), Matarile Teatro (1986), Teatro do Noroeste (1987), Teatro de Ningures (1987), Chévere (1988), Teatro do Morcego (1989) e Teatro de Aquí (1991). Mención á parte merece a creación institucional do Centro Dramático Galego (1984) e do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM, 1989), así como a posta en marcha dos primeiros circuítos teatrais patrocinados pola Consellería de Cultura. Tamén hai que sinalar a convocatoria de premios amparados por institucións públicas, como o Rafael Dieste (Deputación coruñesa) e o Álvaro Cunqueiro (vinculado ao IGAEM). A editora Sotelo Blanco pon en marcha, ademais, a colección teatral A Biblioteca do Arlequín e consolídase a Revista Galega do Teatro.
Na terceira fase, que arranca cos noventa e chega ata 2010, rexístranse variados acontecementos e dinámicas no sistema teatral galego:
- O nacemento de numerosas compañías profesionais (Uvegá Teatro, Factoría Teatro, Teatro do Malbarate, Ollomoltranvía, Os Quinquilláns, Berrobambán, Lagarta, Lagarta, Mofa e Befa…), que comparten espazo con algunhas compañías de teatro emerxente, alternativo ou experimental e con numerosos grupos teatrais afeccionados, que emprenden unha dinámica de asociación a través da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), creada en 2001.
- A posta en funcionamento da Rede Galega de Teatros e Auditorios (1996), que pouco a pouco foi ampliándose e facendo posible unha oferta cada vez máis diversificada e descentralizada; a aprobación do primeiro Plan Galego de Artes Escénicas (2008) e a posta en marcha en Vigo, no curso 2005/06 da Escola Superior de Arte Dramática, primeiro centro oficial para o ensino e a aprendizaxe teatrais en Galicia.
- A celebración en distintas localidades de novos Festivais e Mostras de Teatro, como o Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo, o Festival de Títeres de Redondela, as Xornadas de Teatro de Córgomo de Valdeorras, a Mostra de Teatro Universitario de Galiza, o Festival Internacional de Teatro de Ourense, etc.
- A apertura de salas privadas de teatro estables, como a Luís Seoane da Coruña, a Sala Nasa de Santiago ou a Sala Yago, tamén en Santiago.
- A edición, en número crecente, de monografías, traducións, dicionarios de teatro, estudos, documentos e historias do teatro galego.
- A posta en marcha de novas coleccións de teatro no seo dalgunhas editoras, como é o caso de Xerais cos Libros do CDG, Edicións Laiovento (Escena Aberta), a luguesa Tris Tram (Máscaras) ou a Colección A Pinguela, de Edicións Fervenza.
- A aparición de novas revistas de información xeral e crítica sobre teatro como Escaramuza (editada pola Asociación de Actores, Directores e Técnicos e Escena de Galiza), Casahamlet, dirixida por Issac Ferreira, ou Paraíso, que se suman á xa veterana Revista Galega de Teatro.
- Convocatoria de novos certames de textos teatrais (Estornela, Barriga Verde e Manuel María, para o teatro de monicreques e infantil; Diario Cultural, para teatro radiofónico…), que se suman aos xa tradicionais Rafael Dieste e Álvaro Cunqueiro.
Por último, a cuarta fase caracterízase por unha crise global do sistema teatral galego, azoutado por dous factores que se entrecruzan: a situación económica xeral e a actitude de desapego da Administración autonómica. As consecuencias para o sector son devastadoras: desaparición de compañías e de salas privadas, dificultades de todo tipo para a produción de espectáculos, cesamento na celebración de mostras, práctica inexistencia de edicións teatrais…
2. Principais Tendencias do Teatro Galego Actual
Algúns estudosos compendian as liñas mestras do teatro galego dos últimos lustros falando de catro notas que frecuentemente se entrecruzan: a crítica, a irónica, a lúdica e a culta. O teatro comprometido coa realidade non vai ter agora o carácter abertamente belixerante e politicamente directo da etapa anterior, senón que botará man frecuentemente do humor e da sátira para retratar tipos, situacións e aspectos da nova realidade (Guisán, Salgueiro, Pazó, Gustavo Pernas). Tamén unha visión crítica ofrecen os dramas de Dans, Pisón ou Inma A. Souto, especialmente centrados nos conflitos de parella, na soidade do individuo, na marxinalidade social ou nos valores negativos dominantes (competitividade, violencia, explotación laboral, corrupción…).
Outra tendencia é a culturalista, que se caracteriza pola utilización do xogo do “teatro dentro do teatro” e pola constante reflexión entre a relación vida/escena (Fernán Vello, Guisán, Dans). O neorruralismo é cultivado, entre outros, por Raúl Dans ou polos autores do espectáculo Pan. A intertextualidade, isto é, a volta á recreación de grandes textos da dramaturxia universal, é unha tendencia que goza de seguidores nos últimos tempos (Pazó, Cadaval), abríndose ademais á adaptación de novelas galegas contemporáneas de certo éxito (O lapis do carpinteiro, Tic-Tac, O club da calceta, Memorias dun neno labrego…). O teatro de carácter lúdico ten o seu xénero favorito na comedia, en todas as súas modalidades: de enredo, policial, musical etc. (Cadaval, Pazó). Finalmente, continúa dándose un certo cultivo do teatro histórico (Pazó) e cobran cada vez maior relevancia as propostas de corte experimentalista (Pisón, Miguel Sande, Ana Vallés).
Preocupado constantemente pola ampliación do seu público, o teatro galego actual presenta unha cada vez máis clara tendencia á renovación das linguaxes escénicas, á multidisciplinariedade e mesmo á creación colectiva.
3. Autores Máis Relevantes
Do punto de vista autoral, o panorama teatral galego a partir de 1978 está protagonizado, basicamente, por dúas novas promocións, que algúns críticos recoñecen como dos 80 e dos 90, respectivamente, mais que poden englobarse baixo a etiqueta común de Xeración Post-Abrente.
Dentro da promoción dos 80 destacan: Inma Antonio Souto, Manuel Guede Oliva, Joao Guisán Seixas, Xesús Pisón e Miguel Sande.
A promoción dos 90 estaría formada por: Afonso Becerra, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Raúl Dans, Antón Lopo, Cándido Pazó, Gustavo Pernas, Roberto Salgueiro, Ana Vallés…
Nos últimos anos tamén fixeron a súa incursión no teatro, con grande éxito, autores que destacaran como poetas ou narradores; é o caso de Suso de Toro, Manuel Rivas ou Teresa Moure.